Saturday 20 de April de 2024

O alcalde pide explicacións sobre o atraso das obras do centro de saúde de O Temple


O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, tentou poñerse en contacto con responsables de Sanidade e ningún deulle explicacións
Durante todo o día de hoxe o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, tratou de manter contacto con responsables da Consellería de Sanidade para que lle explicasen o atraso nas obras do centro de saúde de O Temple. Segundo a resolución da adxudicación das obras do ambulatorio publicada pola administración autonómica, o prazo previsto para a construción do edificio era de nove meses a partir da formalización do contrato, exactamente o 17 de marzo de 2015, polo que a execución debería rematar en decembro. Ata o momento o concello non recibiu ningunha notificación que informe dunha posible prórroga do contrato.
“Non sabemos nada. Requirimos información en numerosas ocasións. Hoxe tentámolo en varias ocasións e a resposta é que están todos reunidos. Pásannos dun teléfono a outro sen dar explicación sobre as obras e sobre a apertura do centro de saúde. Non é de recibo”, apuntou o alcalde.
Lembra que a Xunta mantén a súa actitude de desinformación cos concellos aos que debería prestar os seus servizos. “A construción está destinada aos veciños de Cambre e faise en chan cedido polos veciños de Cambre. A pesar de todo non sabemos nada da obra, que xa debería de estar terminada hai meses, a menos que houbese unha prórroga que non nos comunicaron”.

O alcalde sospeita que está a atrasar a obra con fins electoralistas. “A única lóxica é que atrasen a apertura do centro con fins electoralistas, algo que non é moral posto que se trata dunha liquidar unha necesidade sanitaria fundamental e atrasalo por estes motivos sería xogar coa saúde das persoas”.